Feeds:
Artigos
Comentarios

Posts Tagged ‘Intriga teolóxica’

As comparacións eran inevitables. Unha delas ten algo de sentido. A outra creo que non ten nada que ver. Na crítica que X.M. Eyré publicaba a semana pasada na Nosa Terra sobre Conexión Tubinga faise mención de dúas novelas que, supostamente, están na onda da que aquí presentamos: O nome da rosa, de Umberto Eco, e O Código DaVinci de Dan Brown. Da última non teño nada que dicir, porque non a lin. Da primeira debo dicir que gocei dela fai xa máis de quince anos e que daquelas me quitou o sono durante varias noites (No fondo os libros que perviven no recordo son aqueles que chegan a quitarche o sono). Por iso esta comparación non só non me molesta, senón que me agrada, aínda que salvando as distancias, que son moitas, non só no que respecta á época, senón en canto á formulación da trama e a temática de fondo. A de Conexión Tubinga non é unha trama policíaca, senón unha intriga teolóxico-filosófica ao redor da prohibición dun libro onde se tenta demostrar racionalmente a existencia de Deus. Pero é lóxico que, non habendo na literatura galega novelas de intriga relixiosa, as comparacións ou referencias se busquen en obras que acadaron fama no mercado global. Recordo que unha das anécdotas de Eco que máis me sorprenderon en torno a escritura da súa novela, foi o tempo que pasou para atoparlle un bo desenlace a trama. Botou seis meses pensando en como provocar a morte dos personaxes que sentían atraídos polo contido dunha obra de Aristóteles sobre a Estética. Seis meses para dar cun veleno que che comía as entrañas despois de caer na pecaminosa tentación de ler aquel libro. (Non digo máis por se alguén aínda non o leu). En Conexión Tubinga o veleno é máis psicolóxico que químico, pero tamén o hai (convídoos a que o atopen). Traio isto a colación porque na presentación de Conexión Tubinga abordamos este tema: o traballo que supón para o escritor montar unha trama que sexa capaz de atrapar ao lector sen perder en ningún momento a credibilidade e coherencia que se lle presupón a unha obra que debe estar ben documentada. Certo que hai momentos de inspiración, pero a maior parte deste traballo é transpiración. Con todo, en Conexión Tubinga non deben buscar asasinatos a mancheas, porque non os hai, pero hai motivacións de orde intelectual e anímica que chegan máis aló da simple morte física. Porque non hai forma máis sutil de matar que envenenarche a alma ou o espírito ou, como diría Alfredo Conde, o que hai de persoa nese composto químico que soña.el-nombre-de-la-rosa3

Read Full Post »