Achégolles un anaco do capítulo sexto de Conexión Tubinga onde se fai referencia aos ultramontanos de Lefebvre, hoxe de actualidade pola negación do holocausto nazi por parte do bispo Richard Williamson, recentemente rehabilitado por Benedito XVI. Logo, a información recollida de Galicia Hoxe. Por certo, eu estiven en Auschwitz e paseando polo campamento onde o traballo facía libres as persoas aínda me veu un noxento arrecendo a gas Zyklon.
– Como se coñeceron Hana e Serafín?
– Coñecéronse na Biblioteca da Universidade. O padre Serafín estaba buscando un artigo sobre os lefebvrianos, unha comunidade de relixiosos ultramontanos que ten sede en Ecóne (Suíza) e que está presidida por Marcel Lefebvre. O caso é que por aquel entón Marcel iniciou un cisma consagrando a catro sacerdotes no seu cuartel xeral o que provocou a súa excomuñón por parte de Roma. E aí apareceu Hana. Era de Martigny, unha poboación suíza próxima aos Alpes onde se cultivan moitos albaricoques. O caso é que ao ver que o padre Serafín tiña nas súas mans un artigo que falaba do Conflito dos católicos en Ecóne identificouse e díxolle que ela era dunha aldea próxima a onde se establecera a comunidade dos lefebvrianos.
– Vaia, moi romántica a escena.
– A química está nas persoas. Os obxectos só son motivos para que a reacción máis misteriosa do universo chegue a activarse. Mentres para outros a faísca salta cunha canción de amor, para Hana e Serafín a faísca saltou durante unha conversa sobre os ultramontanos de Lefebvre.
(Capítulo Existe Deus?. Conexión Tubinga)
Descúlpase pero segue negando o holocausto
Williamson pediulle perdón ao Papa polas “molestias”
O bispo ultraconservador británico Richard Williamson, excomungado en 1988 pola súa fidelidade a Lefebvre e recentemente perdoado por Benedito XVI, pediulle desculpas ó Papa polos seus comentarios sobre o Holocausto xudeu nunha carta publicada nun medio dixital dos tradicionalistas católicos en Arxentina.
Na misiva, publicada pola web Panorama Católico Internacional, Williamson comunícalle ó prefecto para a Congregación do Clero, o cardeal Darío Castrillón Hoyos, a súa “pena” polo balbordo causado por unhas declaracións realizadas a unha cadea sueca o pasado novem- bro, nas que cuestionou o Holocausto e negou a existencia de cámaras de gas nos campos de concentración nazis. “No medio desta tremenda tormenta levantada por comentarios imprudentes da miña parte na televisión sueca, rógolle que acepte, co debido respecto, a miña sincera manifestación de pena polas innecesarias angustias e problemas que lle causei a vostede e ó Santo Padre”, sinala a carta de Williamson, quen reside en Arxentina e dirixe desde hai 5 anos un seminario en La Reja, a 50 quilómetros ó oeste de Bos Aires.
O bispo lefebvriano está recluído nun seminario desa localidade desde a polémica que se orixinou despois de que o Papa lle levantase a excomuñón e se difundise a entrevista na que negou a existencia das cámaras de gas nazis. O relixioso sostivo ademais que nos campos de concentración alemáns morreron uns “200.000 ou 300.000 xudeus”, non os seis millóns que calculan os historiadores.
En todo caso, a readmisión do lefebvriano Williamson abriu unha fenda na xa complicada situación na que se atopan as relacións entre o Vaticano e o mundo hebreo.
Namentres, o director da sala de prensa do Vaticano, Federico Lombardi, afirmou onte que “quen nega a Shoah non sabe nada nin do misterio de Deus nin da Cruz de Cristo”. Lombardi fixo estas declaracións a través dun editorial publicado pola emisora Radio Vaticano, no que considerou este feito “aínda máis grave se vén da boca dun sacerdote ou dun bispo, estea ou non unido á Igrexa católica”.
Logo da choiva de críticas que caeron sobre o Vaticano tras o levantamento da excomuñón, Benedito XVI intentou suavizar a polémica ó condenar enerxicamente calquera negación do Holocausto. “Que a Shoah leve a humanidade a reflexionar sobre a imprevisible potencia do mal cando este conquista o corazón do home”, dixo o Papa.
Aínda que apreciou a condena feita pública polo Pontífice, o Rabinato de Israel pediu igualmente cancelar unha importante reunión co Vaticano que debía celebrarse a principios de marzo en Roma.
Así llo propuxo por carta dirixida ao Rabinato de Israel, ao cardeal e presidente da Comisión para as relacións co Hebraísmo, Walter Kasper, quen, á súa vez, enviou unha misiva ó Rabinato pedindo que a cita non sexa cancelada.
LEFEVRIANOS
“As cámaras de gas eran usadas para desinfectar”
O representante da comunidade lefebvriana das rexións nororientais de Italia, Floriano Abrahamowicz, quentou a polémica ó asegurar que as cámaras de gas existiron pero servían para desinfectar.
En declaracións ó diario italiano “La tribuna di Treviso”, puxo en dúbida que servisen para matar. “Eu sei que as cámaras de gas dos nazis existían para desinfectar, pero non sei dicir se causaron mortes ou non porque non profundei sobre a cuestión”, explicou. “Á beira da versión oficial, existe outra baseada nas observacións dos primeiros técnicos aliados que entraron nos campos”, proseguiu. Cando lle preguntaron polo número de vítimas que causou o Holocausto, considerou que “poderían ser máis de seis millóns”. Aínda con todo, puntualizou que “as cifras dependen do que o xefe da comunidade hebrea alemá lles dixo ós angloamericanos. No ímpeto dese momento disparou unha cifra. Pero ¿como podía sabelo?”, preguntouse Abrahamowicz. Ademais, o sacerdote considerou que se alguén negase o xenocidio de 1,2 millóns de armenios por parte dos turcos, “os xornais non falarían” diso nos termos en que o están facendo co caso dos xudeus. É máis, engadiu “quen falou do xenocidio angloamericano nos bombardeos das cidades alemás? Quen falou de Churchill, que ordenou o bombardeo ó fósforo de Dresden?” e agora, os israelís “poden dicirme que o xenocidio que sufriron a mans dos nazis é menos grave co de Gaza?”, preguntouse.
Unha fenda cada vez máis fonda
Máis de cincuenta teólogos católicos alemáns criticaron o Papa por rehabilitar a Williamson, segundo unha declaración de doce profesores de teoloxía católica da Universidade de Friburgo. Tamén outros 15 teólogos, da Universidade de Tubinga, cualificaron a decisión do Santo Padre de “irritante” e obstaculizadora para os que se esforzan por un diálogo aberto co mundo e con outras relixións, como o xudaísmo.