
Esta é unha das imaxes que inspirou a novela. Na viñeta aparece Hans Küng xunto aos seus libros e a punto de ser queimado. Recordan en que momento aparece este cadro en Conexión Tubinga?
Capítulo 2: O Deus de Hans Küng
Ramón Caride: Sobre a mirada masculina no relato. É a novela tamén un discurso machista, segundo sosteñen algunhas?
Alberto Canal: En todo caso sería un discurso masculino ou un punto de vista masculino. Quizais esa opinión provén de quen milita no polo oposto ao machismo, que é o feminismo. Eu penso que habería que falar máis ben de miradas masculinas ou femininas. Nese sentido, Conexión Tubinga está escrita desde unha perspectiva masculina, pero non deixa de ter tamén o seu toque feminino. O que si é certo é que no contexto no que se desenvolve a acción da novela si se manteñen actitudes machistas, como o de relegar a un aspecto secundario o papel da muller nos estamentos de poder da igrexa. De seu esta é unha das críticas que Hans Küng fai ao papado, que non está disposto a revisar este aspecto, tal e como fixeron noutras relixións de cariz cristián como a anglicana. Pero aquí entrariamos en novas intrigas: Os discípulos de Xesús Cristo foron os 12 que se mencionan nos evanxeos ou tivo tamén discípulas? Non serían Marta e María, as irmáns de Lázaro discípulas súas, ou a mesma María Magdalena? A Pedro encomendoulle ser a primeira pedra sobre a que edificar a igrexa, pero non lle dixo que o resto das pedras deberían ser só homes.
Ramón Caride: As relixións precristianas animistas veneran o espírito da muller (creador) e non o espírito do home (dominador).
Alberto Canal: Pero iso tamén sucede na actualidade. O punto de referencia do culto popular son as virxes nas súas diferentes advocacións. Hai igrexas onde a figura do Xesús Cristo crucificado ten unha importancia secundaria. E xa non falemos dos santuarios marianos. De maneira o actual Papa Benedito XVI, Raztinger en Conexión Tubinga, deu un toque de atención neste aspecto, aclarando que a protagonista nas igrexas debería ser a cruz. Eu penso que a forza da relixiosidade popular ten profundas raíces nas crenzas e nos mitos precristianos, por iso terminan relegando a un segundo plano a figura principal e central do cristianismo, ou sexa, Xesus Cristo. Para moita xente o día máis importante do ano na súa parroquia é o día da súa Virxe e son as romarías marianas as que máis moven os fieis. Eu coñezo a curas que tentaron cambiar estes costumes e que tiveron problemas porque a xente entende a relixión a súa maneira. Coido que non cambiaron tanto as cousas.
Ramón Caride: Por que Deus é masculino gramaticalmente e non feminino?
Alberto Canal: Un dos cregos que asistiu a presentación de Conexión Tubinga achegou o seu grau de área sobre este aspecto, comentando que hai algúns teólogos como Torres Queiruga que falan do Deus pai e nai, pero eu xa non chego a disquisicións teolóxicas de tanta profundidade. A min bástame con tentar resolver as dúbidas existenciais, que xa non é tarefa pequena. Teño un coñecido experto en Biblia ao que lle vou a preguntar por este aspecto, a ver que me responde. Pero supoño que se manterá na ortodoxia e que o xustificará dicindo que o Deus de barbas non é máis que o desexo dos crentes de porlle cara a alguén que en realidade non a ten. Creo que me estou facendo unha lea. Preguntarei polo tema e proseguiremos coa disquisición. A verdade é que non sei se O Deus de Hans Küng é masculino ou feminino. Que cada quen lle poña a cara que queira. Por certo, creo que esa apreciación de Torres Queiruga non caeu moi ben no stablisment eclesiástico.
Deixar unha resposta