Capítulo 1: Os Amigos de Zaratrusta.
*Ramón Caride: É esta unha autobiografía xeracional?. Din que a primeira novela sempre é autobiográfica.
*Alberto Canal: Recolle vivencias, impresións e sensacións experimentadas durante a época do internado no Seminario Maior do Divino Mestre, pero non é autobiográfica. A maior parte da obra é ficción. Obra xeracional?. O que pretendía é reflectir as vivencias dun grupo de mozos que a finais dos oitenta levan un sistema de vida moi diferente aos da súa xeración e que teñen vivencias que fan especiais as súas vidas. Por iso non creo que poida considerarse xeracional. Esas vivencias non poden extrapolarse ás dun mozo normal desa época. A miña intención nunca foi a escribir unha novela xeracional, senón contar como era vinda nun internado no que viven mozos con inquietudes intelectuais e cunha libido que busca como liberarse.
*Ramón Caride: Por que un seminario?. Hai intención de facer literatura de best-seller?
*Alberto Canal: A min os seminarios e os mosteiros sempre me atraeron como escenario de novelas de intriga. Mesmo actualmente, cando desde a ponte romana de Ourense contemplo de noite o Seminario Maior véxoo como un lugar misterioso onde poderían desenvolverse multitude de historias de misterio e intriga. Se alguén leu Conexión Tubinga que experimente esta sensación. Dade un paseo pola ponte romana e permanecede un momento mirando cara ao Seminario. Se vos suxestionades máis da conta, mesmo pode entrarvos o medo no corpo. Eu penso que se alguén me vendase os ollos e me deixase nun lugar desahitado do colexio, tardaría tempo en atopar a saída e non sei se podería soportar a sensación de medo. Logo tamén hai unha relación afectuosa. Aínda que xa pasaron vinte anos, sígoo considerando como un espazo propio, case como a miña segunda casa. Con respecto á apreciación de lectura de best-seller comentar que a pretensión non é tal, pero si a de ofrecerlle ao lector un produto que lle resulte atractivo.
*Ramón Caride: Di Borges que toda novela é unha novela policial. Estás de acordo con isto?
*Alberto Canle: Non sei exactamente que quixo dicir Borges con esa apreciación, pero eu considero que Conexión Tubinga non é propiamente unha novela policial. Eu considéroa máis ben unha intriga intelectual. A min nunca me gustaron esas novelas que parten do asasinato de alguén e logo tratan de investigar que foi o que pasou. A min gústanme máis as novelas de intriga que parten dun suceso singular e que logo se desenvolven por un camiño que para lector resulta incerto, dado que non sabe onde o vai a levar. Fran Alonso facía esa mesma apreciación na presentación da novela en Ourense e preguntábame polas influencias nese campo. Eu comentei que nunca lera literatura policial e que os meus referentes literarios actuais eran autores como Luís Landero ou Milan Kundera.

En que mosteiro está ambientada esta novela de Ramón Caride?
Deixar unha resposta